O Mosteiro de San Vicenzo de Pombeiro
Concello: Pantón
Parroquia: Pombeiro
A situación do inmoble é privilexiada, e dende el vese o descorrer pausado dun río Sil próximo a chegar á súa desembocadura no Miño, á altura dos Peares.
As fontes escritas máis antigas que nos dan información sobre o mosteiro beneditino de San Vicenzo de Pombeiro son do ano 935. Dende ese momento ata o ano 1526, no que se promulga a bula de anexión a Santo Estevo, o mosteiro pasa por diversas etapas de florecemento e crise, coma calquera dos mosteiros da zona. A partires do século XVIII a presenza dos monxes é case anecdótica.
A igrexa datada no cambio de século entre o XII e o XIII ten unha planta basilical de tres naves, con tres ábsidas moi ben ornamentadas con diversos motivos. Obras recentes permitiron descubrir unhas interesantísimas pinturas murais dos séculos XV e XVI. No exterior o máis salientable é a portada principal.
Do antigo mosteiro non quedan restos na actualidade, pero é probábel que na construción da casa prioral anexada á igrexa se utilizaran materiais e paramentos do mosteiro. Esta casa prioral segue o plan da arquitectura dos pazos galegos e remátase no ano 1784.

