O Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil
Concello: Parada de Sil
Parroquia: Caxide
O cenobio de Santa Cristina aparece documentado no ano 876, aínda que é moi posíbel que existira vida eremítica antes neste mesmo lugar. Sitúase completamente illado de calquera outra construción, á beira do río Sil, rodeado de castiñeiros e natureza virxe.
A partires do século XII o mosteiro recibe importantes concesións e privilexios reais, que o fan medrar pouco a pouco. A aceptación da orde bieita a finais do século XV, seguindo os preceptos dos Reis Católicos, cambia o devir do mosteiro que non pode competir con Santo Estevo e queda como priorado anexo a este último inmoble. Se todos os mosteiros sufriron coa desamortización, a particular situación do mosteiro aloxado totalmente dos núcleos de poboación, levouno ao abandono total.
O edificio conta cunha igrexa románica exemplo paradigmático da arquitectura deste estilo, construída entre os séculos XII e XIII. Contén ademais, un claustro do que hoxe soamente quedan dous dos tramos e importantes pinturas ao fresco do século XVI, que se descubriron trala retirada dos retablos barrocos.




